Wednesday 01 de May de 2024

A Xunta inicia esta semana traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas nas comarcas de Bergantiños e da Mariña


― Os novos traballos desenvolveranse na estrada AC-430, no concello de Cabana de Bergantiños, e na LU-162, que comunica O Valadouro e Foz

― Na provincia de Ourense continuarán as tarefas de limpeza xa iniciadas na estrada OU-801, en Padrenda e Ribadavia; e na OU-531, nas bisbarras da Limia e de Celanova

― Os labores proseguirán tamén na autovía AG-59, en Teo; e na vía de altas prestacións CG-2.1, entre Monforte de Lemos e o Alto do Faro

― Na provincia de Pontevedra avanzarán as intervencións nas vías de altas prestacións VG-4.5, en Moaña e Cangas; e na VG-4.7, en Carril e Baión

― O Goberno galego leva investido 8,3 M€ desde 2018 en actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas, a través da encomenda á empresa pública Seaga

A Xunta iniciará esta vindeira semana traballos de roza e limpeza nas marxes da estradas autonómicas nas comarcas de Bergantiños e da Mariña.

Os novos traballos desenvolveranse na estrada AC-430, no concello de Cabana de Bergantiños, e na LU-162, que comunica O Valadouro e Foz.

Ademais, na provincia de Ourense continuarán as tarefas de limpeza xa iniciadas na estrada OU-801, nos concellos de Padrenda e de Ribadavia; ou na OU-531, ao paso dos municipios de Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Celanova ou Cortegada.

Na provincia de Lugo seguirán os traballos na vía de altas prestacións CG-2.1, entre Monforte de Lemos e o Alto do Faro.

Estas intervencións tamén proseguirán nas vías autonómicas da provincia da Coruña, concretamente na autovía AG-59, en Teo; ou na AG-64 en San Sadurniño.

Na provincia de Pontevedra seguirán as tarefas iniciadas nas vías de altas prestacións VG-4.5, en Moaña e Cangas; e na VG-4.7, en Carril e Baión.
Control de biomasa e seguridade viaria
Estas actuacións, impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, enmárcanse no contrato coa empresa pública Seaga, cun investimento de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas.

As novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.
Como novidade, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 a Xunta ten investido 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.